top of page

Desigualdades na educación: as becas como mecanismo de equilibrio

Actualizado: 10 ene 2022

O alumnado, universitario ou de formación profesional, que recibe becas amosa mellores resultados académicos. O informe de Datos e Cifras do Sistema Universitario Español (SUE), publicado no curso 2020-2021 polo Ministerio de Universidades, inclúe que os estudantes becados teñen mellores resultados e, polo tanto, que as axudas deben buscar rematar coas desigualdades sociais no acceso á educación superior


Dúas estudantes na Universidade Complutense de Madrid | Fonte: El Salto


Dende o ano 2020 o Goberno español prescinde do mérito académico para poder acceder ás becas económicas. A beca tan só depende da renta familiar, sen estar suxeita ao mérito ou esforzo do alumno en cuestión. A esixencia para gozar da contía completa no primeiro curso do grao rebaixouse dun 6,5 a un 5 de nota media. Dende que o ex ministro de Universidades, Manuel Castells, anunciou que as becas se darían a “quien tenga la necesidad económica para poder estudiar”, aumentou a crispación entre algúns sectores máis radicais da nosa sociedade.


Existe a opinión de que as becas son un premio ao esforzo do alumno, algo que gañou estudando e a través dun gran esforzo e esgotamento mental. Esta é, segundo os expertos, unha opinión equivocada e elitista que pode perxudicar ao alumno psicoloxicamente. Estudar é un dereito de todo ser humano e as becas son compensacións das desigualdades sociais existentes na sociedade e, neste caso, no acceso aos estudos universitarios ou de formación profesional. Tamén existen varios informes que recollen que entre as persoas matriculadas nas universidades españolas hai unha porcentaxe moi pequena de fillos e fillas de familias de clase socioeconómica baixa.



Para o ano 2019 o presuposto executado en becas e axudas ao estudo no ámbito universitario e non universitario pola AGE foi de 1.542.335 miles de euros. Este presuposto está destinado a cubrir as necesidades económicas das persoas que máis o precisen. A convocatoria xeral destinada a estudantes universitarios consta principalmente do pago de taxas universitarias, unha contía fixa ligada á necesidade dun cambio de residencia e unha contía variable en función da renta familiar e, en dito ano, do rendemento académico. Estas axudas beneficiaron a 84.888 becarios en total, que recibiron aproximadamente 6 millóns de euros.



Unha motivación económica


As axudas económicas son tamén unha motivación para os estudantes, algo que podemos comprobar nas cifras. O número de créditos aprobados no curso 2018-2019 foi de case un 52% no caso dos becados fronte a un 38% dos non becados. No curso 2019-2020 os becados seguían cun 52% e os non becados cun 36%. A taxa de rendemento, o éxito e a nota media tamén son máis elevadas entre os beneficiarios das becas e axudas económicas do Estado.


A maioría dos estudantes teñen que alugar un piso nalgunha gran cidade na que teñan o grao que desexan estudar. Hai que sumar tamén os gastos en comida, as facturas, os materiais de estudo e as viaxes de volta ao fogar, sen esquecernos tamén do ocio persoal e tempo libre de cada estudante. Poder chegar a fin de mes sen crear grandes problemas económicos no ámbito familiar é complexo, pero tamén un alivio cando se logra. Isto pode derivar nun aumento da autoestima e nun incentivo para seguir estudando e elevar o a taxa de rendemento académico.



Damian Herrera, Doutor en Socioloxía e membro do Instituto das Ciencias Económicas e da Autoxestión (ICEA) afirma que a frase “o ser humano é libre por natureza” se encaixa no neoliberalismo político. O ser humano non escolle a súa natureza, nace cunhas características sociais e económicas que o condicionan e delimitan as súas oportunidades de ascenso social. As becas económicas tratan de proporcionar máis oportunidades aos individuos que pasan por esta situación ofrecendo uns dereitos básicos de todo ser humano, o dereito a estudar e vivir.



Algúns datos relevantes:


A continuación amósanse algunhas estatísticas relevantes sobre as becas ao ensino universitario no curso 2019-2020. En comparación cos 4 cursos anteriores foi o que máis convocatorias presentou. Ademais, o beneficiario foi na súa maioría o Estado, estando as Universidades Privadas no último posto. Respecto ás rentas, as persoas do umbral 2 (rentas intermedias) foron as máis beneficiadas polas becas e axudas.



Fontes:

1 commentaire


angelvizoso
angelvizoso
27 janv. 2022

A narración ten unha secuencia correcta e todas as partes serven para comprender mellor o tema. Ademais, todas as partes da proposta aportan contidos de interese que nos van guiando pola información.


No relativo aos materiais de visualización, en xeral están ben programados e non se observan erros. Ademais, os datos están correctamente traballados e ben presentados. É unha mágoa que non tiveras mantido unha das dúas liñas cromáticas polas que apostas. Neste caso era pertinente "crear" un estilo propio e mantelo nos diferentes gráficos. Unha sorte de libro de estilo particular a aplicar nesta reportaxe. Aprécianse fundamentalmente dúas, unha que vai nos violetas e outra que vai nos verdes e calquera delas sería válida para aplicar a todos os…


J'aime
bottom of page