top of page

Misión: coidar o cerebro

As enfermidades cerebrovasculares consolídanse como a terceira causa de falecemento en España, cunhas cifras en aumento que poñen o foco sobre o ictus e as secuelas do dano cerebral


R. GONZÁLEZ - 24/01/2022


Nos últimos anos o espazo informativo mundial está sendo ocupado pola pandemia da Covid-19 que, iniciada en marzo de 2020, supuxo todo un elemento centralizador de atención e recursos nacionais. Porén, a notoriedade e trascendencia do virus SARS-CoV-2, non debe facer perder a referencia doutras enfermidades e afeccións que seguen trasladando cifras preocupantes. Un exemplo son as enfermidades cerebrovasculares.


Tal e como as define a Organización Mundial da Saúde (OMS), as enfermidades cerebrovasculares abraguen un conxunto de patoloxías vinculadas ó rápido desenvolvemento de signos focais ou globais que comprometen a función cerebral.


Segundo datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), este grupo de afeccións sitúase, con datos de 2020, como a terceira causa de defunción no territorio español, tras a Covid-19 e as enfermidades isquémicas do corazón. Dos 493.776 falecementos que tiveron lugar durante o ano de pandemia, máis dun 5% tiveron como causa unha enfermidade cerebrovascular, un 0,4% máis que o ano anterior, con maior prevalencia en mulleres. As cifras amosan, por tanto, unha panorama complexo para este tipo de patoloxías.


As enfermidades cerebrovasculares son a terceira causa de defunción en España, cunha maior prevalencia en mulleres

Dentro das afeccións cerebrovasculares existen varios tipos de enfermidades con distinto nivel de prevalencia en España. O accidente vascular encefálico agudo, con datos do INE de 2019, é o que máis falecementos ocasiona dentro deste tipo de enfermidades, elevando a cifra a 7603 defuncións, case un 30% do total.





A nivel territorial, as cifras poñen o foco de atención en comunidades como Asturias ou Galicia, onde a mortalidade por enfermidade cerebrovascular, segundo o INE, acada os seus picos máximos, con 76 e 79 mortes por cada cen mil habitantes, respectivamente. Un feito a destacar é a baixa mortalidade que experimentan comunidades como Madrid ou Cataluña, que forman parte das cinco rexións con menor incidencia.





Non obstante, a situación española con respecto ó contexto europeo é moito máis esperanzadora. Segundo datos da Organización para a Cooperación e o Desarrollo (OCDE), pechouse a década con aproximadamente 237 casos de enfermidade cerebrovascular que tiveron requerimento de asistencia médica por cada cen mil habitantes. Pese a que a comezos de década as cifras eran mellores (aproximadamente 219 casos), o contexto español está lonxe de equipararse co de países como Estonia ou Hungría, onde as cifras alcanzan os 571 e 692 casos por cada cen mil habitantes, respectivamente. Aínda así, estes estados reduciron considerablemente os seus casos na última década, tendencia contraria á do caso español.





O ICTUS E A IMPORTANCIA DO TEMPO


Un dos termos que xorde continuamente á hora de falar da problemática das enfermidades cerebrovasculares é o ictus. Trátase, segundo a Fundació Ictus, dunha alteración súbita da circulación da sangue ó cerebro con motivo do taponamento (ictus isquémico) ou a rotura dunha arteria cerebral (ictus hemorráxico). É dicir, engloba varias das tipoloxías de enfermidades cerebrovasculares.




O ictus é a primeira causa de morte en mulleres en España e a segunda en homes, tal e como sinalan os estudos da Sociedade Española de Neuroloxía (SEN). Ó ano detéctanse uns 120.000 casos, polo que poderíase dicir que cada 6 minutos prodúcese un ictus en España.


O tempo á hora de abordar un caso de ictus é fundamental, tal e como indica José Castillo, director do Instituto de Investigaciones Sanitarias de Santiago (Idis), “A capacidade do cerebro de aguantar sen un aporte de sangue axeitado é moi pequeniña, non supera os 4 ou 5 minutos”, explica Castillo. O ictus é unha enfermidade tempo-dependente na que canto máis tempo transcorra no seu tratamento, máis gravidade lesiva se producirá. A isquemia pode tardar varias horas en desenvolverse e ese lapso de tempo é o que se denomina “ventana terapéutica”, un momento crítico e decisivo á hora de minimizar o dano cerebral.


A "ventana terapéutica" é o momento decisivo se se queren minimizar os danos cerebrais

Segundo o informe ISEDIC, aproximadamente a metade dos pacientes de ictus quedan gravemente incapacitados, é dicir, non poden realizar a gran maioría de actividades da súa vida diaria, sendo a primeira causa de dependencia na idade adulta. As secuelas do ictus varían segundo a zona do cerebro que se vexa afectada. Perdas parciais de visión, déficit expresivo, dores superficiais, perda de forza, inestabilidade emocional, dificultades na deglución ou na micción son algunhas das consecuencias nas que podería derivar un ictus.



A DURA REALIDADE DO DCA


A complexidade non radica unicamente na propia abordaxe das enfermidades, senón tamén nos posteriores procesos de rehabilitación e convivencia co dano cerebral adquirido (DCA) a raíz da afección cerebrovascular. A rehabilitación ten por obxecto reducir ó máximo posible todas as secuelas ou discapacidades e, tal e como explica a Sociedade Española de Neuroloxía, é un proceso activo que require da colaboración tanto de paciente como de familia.


Segundo Juan Luis Delgado, presidente de la Asociación de Daño Cerebral de A Coruña (ADACECO), ó longo deste período é importante que o paciente sexa consciente de que na gran maioria de casos non se vai conseguir unha recuperación total das capacidades que se viron afectadas. Non é, por tanto, unha rehabilitación “ó uso”, senón un proceso de adaptación.




Este proceso de adaptación interna que experimentan os pacientes parece descompensado se o comparamos coa realidade social que viven. Os estudos elaborados pola Federación Española de Dano Cerebral (FEDACE) amosan como aproximadamente o 63% das persoas con DCA viviron algunha situación de discriminación na súa vida diaria. Unha discriminación que tamén parece traducirse a nivel económico, xa que se estima que de media os seus ingresos mensuais caen 114,15 euros tras padecer a lesión.


As persoas con dano cerebral sofren unha forte diminución dos seus ingresos tras as lesións

O feito de precisar dunha atención constante que se sitúa de media por riba das 13 horas diarias, repercute tamén a nivel económico no entorno do pacientes, máis alá das repercusións psicosociais. Os hogares con persoas con DCA pasan de recibir uns ingresos mensuais superiores ós 2.355 euros a quedarse, tras a lesión, con 2.056,30 euros.


É esta unha realidade complexa que cómpre analizar tendo en conta a prevalencia do dano cerebral e das enfermidades cerebrovasculares en España. Unha situación que corre o risco de “pasar desapercibida” pola notoriedade e trascendencia pública acadada pola pandemia da Covid-19.








1 Comment


angelvizoso
angelvizoso
Jan 31, 2022

Moi ben en termos de estrutura. O relato informativo é moi bo e a aportación dos materiais de visualización a este, tamén.


En canto ás pezas de infografía e visualización, en xeral están ben programadas e o traballo cos datos é correcto. Porén, habería un par de puntos que sinalaría como lugares para a mellora. En primeiro lugar, no gráfico de xerarquía habería que continuar co formato dos números elixido no resto da peza (onde empregas o punto como separador dos milleiros). É un cambio pequeno, pero serve para ter continuidade ao longo de toda a noticia.


Por outra banda, habería que tentar buscar un maior contraste nos textos dos cadros de cor máis escura na infografía final. Os bloque…


Like
bottom of page