top of page

Evolución das explotacións de gando bovino na provincia de Lugo

Actualizado: 15 dic 2021

Para a realización desta terceira práctica escollín os datos dispoñibles no Instituto Galego de Estatística sobre o número de explotacións de gando bovino, en concreto, aqueles relativos aos distintos concellos e comarcas da provincia de Lugo. A escolma desta temática vén determinada polo progresivo e xeneralizado descenso de explotacións de gando bovino na nosa comunidade.


En Galicia, un dos sectores máis importantes é o sector lácteo, ao que se adican a maioría de gandarías asentadas no territorio. Co paso do tempo, as granxas redimensionáronse e pasaron a estar máis tecnificadas, o que se traduciu nunha mellora das condicións dos animais e, polo tanto, no seu maior rendemento. Isto provocou que moitas explotacións que non puideron adaptarse a estas esixencias quedasen polo camiño, véndose reducido o seu número cada vez máis.


No que atinxe ao propio desenvolvemento da práctica, seleccionei unicamente datos relativos á provincia de Lugo para non sobrecargar as pezas con demasiada información. Ademais, escollín os datos máis antigos (2002) e máis recentes (2020) dispoñibles para ver con claridade esa evolución. Deixo no seguinte arquivo as táboas coa información, así como as ligazóns para poder facer a consulta na páxina do IGE.



Para a realización da táboa non tiven grandes dificultades. Reducín o número de concellos visualizables a primeira vista para facela máis pequena e lexible e escollín cores que tamén facilitasen a consulta e comparación das cifras. Ao ter 67 concellos diferentes, pareceume unha boa opción incluír un buscador para axilizar a busca.



En canto ao gráfico, decidín empregar a información facilitada por comarcas para non facelo demasiado extenso.



Por último, para encher o mapa volvín seleccionar as cifras ofrecidas por concellos, xa que a aplicación contempla esta opción. As cores empregadas nas tres pezas son o branco, o negro e distintas tonalidades de gris, xa que non soamente facilita a consulta de datos, se nón que tamén se relaciona coa temática (ao final, as vacas de leite adoitan ser de cor branco e negro).


1 comentario


angelvizoso
angelvizoso
26 nov 2021

Pois realmente non hai moito que destacar no relativo a puntos de mellora, xa que todo está perfectamente resolto. No que respecta ao tratamento dos datos ben, e no terreo da súa presentación a nivel visual, tamén. Por sinalar algo, habería que explorar como podería axudarche a introdución dalgún subtítulo a modo de descrición ou introdución dos datos. Pero, vamos, que o presentado está excelente. Noraboa!

Me gusta
bottom of page