top of page

Estado de alarma na saúde mental: a urxencia de abordar o suicidio na xuventude


Foto: Cadena Ser


A recente morte da actriz Verónica Forqué caeu coma un xerra de auga fría na sociedade española e no universo do cine, que perdía a unha das súas figuras emblemáticas. Sen embargo, máis alá do que, o factor que conmocionou a todo o mundo e abriu un gran debate público que tardará en pecharse foi o como, xa que Forqué faleceu dunha forma na que ninguén debería morrer: suicidouse. Un mes antes deste desenlace, tomaba a decisión de abandonar o programa de TVE Masterchef, no que concursaba, alegando que non estaba ben e que o seu propio corpo lle pedía parar.


O exemplo da actriz española está lonxe de ser un caso illado. O suicidio trátase hoxe dun problema grave de saúde pública, definición dada por parte da Organización Mundial da Saúde (OMS). O número de suicidios no país durante o ano 2020 foi de 3.941 persoas, segundo un avance do informe do Observatorio do Suicidio en España da Fundación Española para a Prevención do Suicidio. Trátase da maior cifra dende que se teñen datos históricos, concretamente, dende o ano 1906. De media, significa que unhas 11 persoas deciden quitarse a vida no país cada día. É unha problemática da que nin os máis novos nin os máis maiores están exentos. De acordo ao citado estudo, o suicidio en persoas maiores de 80 anos aumenta un 20% con respecto ao 2019 e os menores de 15 anos duplican os casos do ano pasado, con 14 suicidios en total. Amais, o suicidio é a cuarta causa de morte nos mozos de entre 15 e 19 anos, situando á adolescencia como un grupo de especial risco, segundo informa a OMS na súa páxina.



Desta forma, constátase que o grupo dos mozos e mozas vese particularmente afectado cunhas cifras dende fai 2 anos cada vez maiores. Así, o intervalo de novos entre os 10-29 anos pasou de 275 suicidios no 2018 a 316 no ano posterior. O suicidio constitúe xa a principal causa de morte externa nos máis novos do país, por diante dos accidentes de tráfico.


A falta de recursos no eido mental


A pandemia supuxo un parón no frenético sistema socio-económico e produtivo no que a sociedade se atopa inmersa e evidenciou a situación crítica a nivel mental da mesma. Cada vez se fala máis de pésima situación xeralizada da saúde mental porque cada vez é máis complexo esconder os seus efectos. En xullo do ano 2021, unha nai daba a coñecer a través das redes nunha extensa carta que o seu fillo Rodrigo, de 14 anos, se suicidara logo de ser diagnosticado con depresión severa. Na misiva, a nai admitía que non se ten asumido que “a saúde mental e social é parte fundamental da saúde física”.




Nesta liña, a psicóloga e portavoz do Movemento Galego de Saúde Mental, Rosa Cerqueiro, critica os mínimos recursos que se dedican á esta. “Falar de saúde mental e visibilizar unha realidade que toca a moita xente está ben, pero non se reflicte en cambios estruturais palpables”, sentencia. De feito, no territorio español, comezaron a tomarse medidas sobre o asunto moi recentemente. O goberno central puxo a disposición da cidadanía en decembro deste ano o 024, unha liña telefónica gratuíta e anónima que ofrece atención e apoio do persoal especializado para contribuír a previr posibles conductas suicidas. Esta iniciativa forma parte do Plan de Acción 2021-2024 de Saúde Mental. Hai outros servizos que proporcionan axuda, como o 112 ou Teléfono da Esperanza (17 003 717), pero non existe un plan específico en España que aborde a problemática suicida. Tanto é así que, en setembro de 2020, a Confederación SALUD MENTAL ESPAÑA urxía un plan para previr o suicidio ante a “maior vulnerabilidade da saúde mental debido á pandemia”.


Na comunidade galega, contase cun Plan de Prevención do Suicidio dende 2017, que se sustenta en dous piares: reducir a taxa de suicidios e establecer mecanismos de coordinación para sumar esforzos entre diferentes organismos na prevención do suicidio. Porén, Rosa Cerqueiro denuncia que o plan “non se está a implementar” e que nin sequera se plantexou incluíndo un orzamento, co cal “sen unha inversión é imposible levalo a cabo”.


O caso galego: “Seguen as listas de espera de meses

O número de suicidios en Galicia no ano 2020 foi de 307 en total, segundo a memoria do Instituto de Medicina Legal de Galicia (IMELGA), cunha taxa de 13'11 por cada 100 mil habitantes, por enriba da media española e europea, con taxas de 7'79 e 11'93, respectivamente. Estas cifras equivalen a case un suicidio por día no territorio galego.



Sen embargo, as peores cifras de suicidio en Galicia foron acadadas no ano 2014, cun total de 371. A este respecto, a psicóloga clínica Rosa Cerqueiro destaca que “coa pandemia fálase da saúde mental coma se fose unha novidade pero o certo é que levabamos anos denunciando a falta de recursos” -sobre todo, na Atención Primaria, o primeiro eslavón sanitario- e que, a pesares de que existe certa concienciación social, "seguen as mesmas listas de espera de meses” para acceder aos recursos públicos. Isto dá lugar a unha certa privatización da saúde mental, que “favorece que se rompa a equidade” e que, ao non tratar á persoa no momento específico en que o precisa, pode levar a unha “cronificación da situación”. Que se cronifique o problema ten como consecuencia, segundo apunta Rosa Cerqueiro,“máis medicación”, xa que se trata do recurso que a Atención Primaria ten á súa disposición ante a actual situación de “asfixia” na que se atopa, cunha precarización importante na profesión.


A solución para erradicar o suicidio non é única, posto que constitúe un conflito multifactorial que debe ser abordado de maneira coordinada por diversos actores: económicos, sociais e políticos, entre outros. Porén, instaláronse na sociedade unha serie de crenzas ou mitos, irracionais e erróneos, que dificultan a prevención dos actos suicidas e dan lugar a unha estigmatización da dor da persoa, coa consecuente falta de comunicación do malestar. Nunca falta quen comente que unha persoa que tentou suicidarse só quería chamar a atención, restando importancia a todo o que se agocha detrás dese acto e ridiculizando o feito de que esa persoa precise atención, coma se se tratase de algo negativo per se.




Os mitos son moitos e moi variados pero, no que respecta á xuventude, existe un que xorde esencialmente no mundo das redes, que é o famoso xeración de cristal. O termo ‘de cristal’ utilízase de forma pexorativa para facer referencia a unha maior sensibilidade ou “fraxilidade” dos máis novos ante os problemas e, polo tanto, unha actitude máis crítica coa realidade social e menos tolerante ás inxustizas. Neste senso, Rosa Cerqueiro admite que “a mocidade sempre foi vítima de moitos prexuízos”, no que cabe tamén mencionar o mito da infancia feliz -cando isto non sempre ocorre así-. “A nova xeración é unha xeración moi presionada para ter bo rendemento académico e a nivel físico para ser perfectos”, unha serie de imposicións sociais que, apuntala a psicóloga, poden abocar ao desenvolvemento de problemas de saúde mental, dende depresión até ansiedade e outros.


Como punto de comezo para pór fin ou, canto menos, minimizar o impacto, a portavoz do Movemento Galego de Saúde Mental propón desbotar o modelo biomédico, “un modelo asistencial que mira os problemas de saúde mental como individuais e con orixes xenéticas ou biolóxicas”, que non se sustenta nunha base científica. Ante isto, Rosa Cerqueiro aposta por un modelo baseado no “respecto aos dereitos humanos e que ten en conta tamén os condicionantes estruturais e sociais do malestar”. O estado emocional da sociedade sempre vai a estar rexido por factores de índole social, como o índice de pobreza, a desigualdade ou a tensión e polarización entre diferentes colectivos. Actualmente, como acertadamente di Rosa Cerqueiro, “estamos moi tensionados” e esta realidade afecta, de forma irremediable, á saúde mental de todos e todas.


---------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------


Arquivos no que se recollen os datos que foron empregados para realizar as gráficas, por orde de aparición.


- Caso de España: descargáronse os datos de cada ano, "reformei" os intervalos que viñan dados por defecto para adaptalo e facilitar a comprensión dos lectores e lectoras, un proceso que foi feito directamente na táboa de Flourish. Fonte de acceso ao lugar do que foron extraídos os datos: https://www.ine.es/dyngs/INEbase/es/operacion.htm?c=Estadistica_C&cid=1254736176780&menu=resultados&idp=1254735573175


- Caso de Galicia:
















1 Comment


angelvizoso
angelvizoso
Jan 29, 2022

En termos de estrutura está perfecta. O fío da información e o xeito no que cada parte aporta ao conxunto é moi bo.


No terreo dos materiais gráficos habería que afinar un chisco máis a escala de cor. Lembra a utilidade de ferramentas como Adobe Color á hora de identificar as cores exactas. Deste xeito pódese facer que gráficos elaborados en aplicacións diferentes teñan un uso da cor común a través dos códigos de cada tonalidade.


O traballo cos datos é bo e o traballo coa información na última infografía tamén. Neste último elemento quedaría por revisar o uso da tipografía. Creo que habería que apostar por eliminar a letra negra dos bloques de texto, podendo empregar esta para os…


Like
bottom of page