top of page

España, paraíso turístico

Millóns de persoas escollen todos os anos a Península para desfrutar das súas marabillas. Enclaves descoñecidos, o seu clima e unha gastronomía única fan dela un dos principais destinos a nivel mundial


Fotografía da cidade de Madrid. Pinterest

Ainara Corredoira Rebolo


París, Londres, Milán ou paraxes exóticos como as Maldivas son algúns dos destinos máis cotizados á hora de viaxar. Porén, dentro das fronteiras españolas atópanse algunhas das paisaxes máis espectaculares da xeografía mundial. Paseos en globo ao estilo da Capadocia turca, rúas que semellan sacadas dunha típica postal de Santorini e a existencia de moitos rincóns agochados e recoñecidos por moitos como os máis bonitos do planeta, fan de España unha das primeiras potencias turísticas.



DESTINOS DE PELÍCULA


Aínda que España é un dos lugares nos que máis se potencia o turismo nacional, son moitos os países que ven a Península como un destino vacacional ideal. Experiencias únicas e diferentes, para todas as idades e todos os gustos fan dunha viaxe a este país unha vivencia inesquecible.


En plena Ribeira Sacra é posible desfrutar dun agradable paseo en globo aerostático. Unha viaxe de entre dúas e tres horas sobrevoando as provincias de Lugo e Ourense, divisando desde mil metros de altura a coñecida como viticultura heroica. Unha aventura para os máis valentes e que está dispoñible todos os anos a partir do mes de xuño.


Outro dos atractivos é a ruta dos pobos brancos de Andalucía. Entre as provincias de Málaga e Cádiz atópase este recorrido por localidades pintorescas que destacan polas súas casas encaladas de branca fachada e ventás de madeira azuis, moitas delas declaradas paisaxes reserva da biosfera. Destacan algunhas como Frigiliana, un pobo que sobresae pola beleza do seu casco histórico, a súa poboación ligada tradicionalmente ao cultivo do aceite e os restos dun pasado árabe que se conservan en perfecto estado.


Desprazándonos ata o centro do país, ás aforas de Cidade Real, sitúase unha das experiencias máis solicitadas nos últimos tempos. Trátase da estancia nos denominados ´hoteis burbulla´ ou ´bubbles´, en plena natureza e desde as cales se pode desfrutar de noites de chuvia ou incluso de tormenta desde unha perspectiva inigualable e con toda seguridade.


A praia de Rodas (Illas Cíes) foi recoñecidas polo diario inglés The Guardian como "a mellor praia do mundo"

Chegando ao Mediterráneo, atópase o plan perfecto para os máis aventureiros: un ´road trip´ desde a Costa Brava ata as praias gaditanas. Comparada coa ruta máis famosa de todos os tempos, a ´The Mother Route´ americana, é coñecida como a ´Ruta 66´ española. Ademais de ser unha das máis longas do país, tamén é unha das máis antigas, pois ata Murcia segue o trazado da romana Vía Augusta.


O deserto de Tabernas (Almería) é famoso en todo o mundo por considerarse o ´Hollywood español´, escenario de películas como ´Un puñado de dólares´ou vídeos musicais como os do grupo británico Little Mix. Un dos seus grandes reclamos é o parque temático Oasys, que recrea á perfección unha vila americana do Oeste do século XIX.


Na outra punta do país atópanse as coñecidas como ´Illas dos deuses´. Reclamo turístico mundial, o diario inglés The Guardian considerou a praia de Rodas, en plenas Illas Cíes, como a mellor praia do mundo, lugar tamén mencionado polo The New York Times como a costa máis salvaxe e impresionante de Galicia.




https://create.piktochart.com/output/57495586-seis-escapadas-de-ensono-en-espana



CATALUÑA E AS ILLAS CANARIAS, AS COMUNIDADES MÁIS VISITADAS


Está claro que cidades como Madrid, Barcelona ou Santiago de Compostela son algunhas das preferidas dos turistas cando escollen España como destino vacacional. Cales son as comunidades que máis turistas acollen? Segundo os datos recollidos polo Instituto Nacional de Estatística, dos 19 millóns de turistas que pisaron solo español no ano 2020 -o peor da historia para o sector, gravemente golpeado polas consecuencias da Covid 19-, foron preto de 4 millóns os que decidiron visitar Cataluña, o que representa o 20,4% das visitas totais. O mesmo aconteceu coas Illas Canarias (3,7 millóns), sendo a comunidade onde menos se resentiu o turismo internacional, atraídos polo seu clima subtropical e as súas praias extraordinarias.



Debido á pandemia, o sector turístico español contabilizou perdas duns 43 000 millóns de euros, segundo a balanza de pagos do Banco Central Europeo


A terceira comunidade que máis turistas acolleu foi Andalucía, con máis de 2,7 millóns. Séguena moi de preto a Comunidade Valenciana (2,5 millóns), a Comunidade de Madrid (1,7 millóns) e as Illas Baleares (1,7 millóns). Esta última experimentou unha caída do 87,4% con respecto ao ano anterior. Á cola da lista sitúanse o Principado de Asturias e A Rioxa.





O turismo é un dos motores da economía española, deixando uns ingresos de 19 740 millóns de euros, un 78,5% menos ca no 2019, ano no que se cifraron nuns 91 912 millóns. Segundo datos do Banco Central Europeo -e como recolle El Confidencial-, a pandemia supuxo un golpe sen precedentes na historia: os 43 000 millóns que perdeu o país superaron o impacto que tivo en Francia e Italia conxuntamente. Así, o desplome do turismo provocou efectos colaterais devastadores no país: a economía de sectores como o comercio, a restauración ou os transportes caeu estrepitosamente.





AS CLAVES DO ÉXITO DO SECTOR TURÍSTICO ESPAÑOL


Segundo informes da Organización Mundial do Turismo e o Eurostat, España logrou consolidarse no anos 2018 e 2019 como a segunda potencia turística mundial e a primeira a nivel europeo, recibindo uns 82,7 millóns de visitantes. Só superada por Francia, e por diante de países como Estados Unidos, China ou Italia. Unha tendencia á alza, que só se viu freada pola pandemia, pero que conseguiu situar a España como o país máis competitivo do mundo en termos turísticos.




Unha das claves é precisamente a proposta de ofertas únicas: a cultura e a gastronomía son unhas das máis respectadas e admiradas arredor do planeta e o clima e o estilo de vida atraen a milleiros de persoas para desfrutar do ambiente español aínda que sexa só por uns días. As administracións tamén saben ben como protexer e potenciar un sector estratéxico para a economía do país: a seguridade e a información, así como as campañas publicitarias atraen tanto aos turistas máis esixentes como permiten abrir a porta a novos mercados. As boas conexións e os baixos prezos son outros dos seus principais reclamos, facendo de España un destino ´low cost´moi atractivo para os visitantes internacionais.




Fontes empregadas para a primeira visualización:

Fonte e datos empregados para a segunda visualización:



Fontes e datos empregados para a terceira visualización:








1 Comment


angelvizoso
angelvizoso
Jan 29, 2022

Pois está moi moi ben exposta esta información. A estrutura do artigo é moi boa e a suma do aportado a través do texto e do aportado a través da visualización é perfecta.


A programación dos materiais é tamén de 10 e o traballo cos datos, máis do mesmo. No que respecta á infografía inicial, está moi ben construída, cunhas cores que aportan contraste e coa cantidade de información xusta. Nela quedaría a dúbida de se sería mellor tentar presentar dúas columnas de 3 destinos cada unha (máis eficiente na web) ou seguir con esta idea baseada no scroll (mellor para o móbil). Seguramente esa sería unha decisión a tomar en función do que souberamos da nosa audiencia, de ser…


Like
bottom of page