top of page

Emancipación aos 30 e precariedade laboral, a realidade da mocidade española

A crise derivada da pandemia afonda nas dificultades da xente nova á hora de independizarse


Imaxe: El Día de Valladolid


Abrir camiños sempre é complexo, sobre todo ante o descoñecido e o que se afasta da nosa realidade máis próxima. Nestes tempos de pandemia, as posibilidades de construír un traxecto propio fóronse reducindo cada vez máis entre a mocidade por mor dunha situación económica que frea en seco o seu desenvolvemento. Unha situación que, a pesar de non resultar novidosa, se viu intensificada coa chegada da crise derivada da pandemia.


A perda de poder adquisitivo, o incremento do custo da vivenda ou a precariedade laboral afectaron especialmente á xente nova. Son algunhas das conclusións que se deixan ver no último informe publicado polo Observatorio de Emancipación do Consello da Xuventude de España (CJE), cuns datos que fan referencia ao primeiro semestre do 2021. Neste senso, a proporción de mozas e mozos que reside nun fogar independente sitúase no 14,9%, o que supón case un punto menos que o semestre anterior (15,8%).



A taxa de emancipación continúa a descender acadando o mínimo histórico dende finais de 1998. Soamente 1,5 mozas e mozos de cada 10 vive nunha vivenda independente, o que da conta das dificultades económicas que enfrontan as novas xeracións. Ademais, o proceso acentúase coa tardía idade na que a xente nova é quen de abandonar a residencia familiar. Segundo a Oficina Europea de Estatística (Eurostat), a mocidade española é das que máis tarda en "abandonar o niño", con máis de tres puntos por riba da media europea, situada nos 26,4 anos.



Existen múltiples factores que explican os pobres datos de emancipación xuvenil no conxunto do Estado. Por unha banda, e o máis evidente, é a falta de ingresos ou a insuficiencia dos mesmos. O informe do CJE sinala que o salario medio recibido por unha persoa menor de 30 anos en España se cifra en 12.537 euros netos anuais. Tendo en conta que para que unha moza ou mozo se emancipase en solitario debería destinar o 81,9% do seu salario neto ao pago da renda mensual, as opcións vense aínda máis reducidas.


Menos emprego e temporalidade


A isto, hai que sumar as dificultades que engade o propio mercado laboral. A taxa de paro da mocidade neste período sitúase 15,5% e a poboación inactiva ascende ata o 46,1%, cunha porcentaxe de ocupados que se achega ao 38,4%. Unha das particularidades do emprego xuvenil en España é a forte temporalidade contractual, que precisamente superaba a metade dos contratos neste semestre (un 54,7%).


Deste maneira, os postos de traballo ocupados pola xente nova producíronse en condicións precarias nas que a temporalidade xoga un rol principal. Así, as circunstancias actuais non distan moito dun meme que hai uns días circulaba polas redes sociais: “xa teño máis amigos con covid que con contrato indefinido”.


Bono xove de arrendamento


Ante esta realidade, o Goberno vén de aprobar unha medida para tentar paliar o impacto da crise e contribuír a mellorar a situación. O chamado bono xove de arrendamento é unha axuda de 250 euros mensuais a inquilinos que non superen os 36 anos. A medida, incluída nos presupostos xerais do Estado do 2022, conta con 200 millóns de euros e prevese que chegue a preto de 70.000 persoas. Segundo explicou a ministra de Transportes, Movilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, “vai supoñer un elemento importante para que a vivenda deixe de ser un obstáculo para a xente nova e a súa emancipación”.



Aínda que non poderá sumarse a outros subsidios parecidos que outorgan as comunidades autónomas, si será compatible coas axudas para mozas e mozos que contempla o Plan Estatal de Vivenda 2022-2025, que será aprobado no mesmo texto lexislativo, aínda que nun título aparte. O bono poderá solicitarse unha vez rematen as negociacións coas comunidades autónomas, aproximadamente nun mes e medio ou dous meses.


A aprobación do proxecto deu pe a aparición dun debate arredor da súa eficacia para combater a situación actual. Entidades como o propio Consello da Xuventude de España consideran que “esta medida é completamente errónea e pode converterse nunha especie de lotería na que so un puñado de persoas mozas en España poderá ter a fortuna de beneficiarse”.



A saca de problemáticas coa que carga a mocidade vese cada vez máis intensificada por unha pandemia que causou fortes estragos na sociedade e cuxas consecuencias xa están a sufrir. Así as cousas, a xeración “máis preparada e formada” contempla como, pouco a pouco, as súas expectativas de futuro se afastan cada vez máis de verse completadas.


-----------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------

Fontes:

  • Observatorio de Emancipación (CJE)

  • Instituto Nacional de Estatística (INE)

  • Boletín Oficial do Estado (BOE)

  • El País

  • Oficina Europea de Estatística (Eurostat)







1 commento


angelvizoso
angelvizoso
31 gen 2022

Moi moi ben executada esta peza. O conxunto proposto é moi bo e todas as partes entran para sumar ao fío da noticia.


En canto aos materiais visuais elaborados, todos eles son pertinentes para os datos dispoñibles, cuxo tratamento é tamén moi bo. No relativo á programación dos gráficos, o mesmo, pois non se aprecian erros. Ademais, está presente o emprego dunha paleta de cores moi clara e que se conserva ao longo de todo o traballo, o que serve para unir catro visualizacións realizadas en tres ferramentas diferentes sen que parezan desconectadas.


O punto onde habería que experimentar e ver o resultado final sería a escala de cor do mapa realizado en Datawrapper. Aínda que parece que o punto…


Mi piace
bottom of page