top of page

Descobre a cidade universitaria de Portugal: Coimbra

Este mapa pretende servir como guía turística con algúns dos puntos de referencia para visitar a cidade universitaria de Coimbra, que vén sendo a que foi a miña cidade de acollida Erasmus no 2019. Dende a miña experiencia como estudante alí, quixen recoller unha síntese do que se pode visitar intentando ser selectiva para que o mapa non resultase moi cargado e houbese un pouco de todo.


Comecei a traballar no mapa sen lembrarme de que estaba usando unha versión gratuíta e, por tanto, limitada, de xeito que cando xa rematara o traballo MapHub avisoume de que tiña que borrar varios elementos para poder gardarlo. Así pois, se de primeiras todos os elementos tiñan fotografías e fixera iconas personalizadas para algúns outros puntos característicos ademais de Portugal dos Pequenitos e a Torre da Universidade, tiven que facer con mágoa unha selección dos que podían quedarse.


Decidín facer un menú clasificando por categorías os distintos lugares e darlle a cada un unha icona relacionada cas súas características para así facilitar a navegación polo mapa. Para algúns lugares era complexo escoller unha icona dentro das ofertadas polo programa que se axeitase ás súas características (para elas tiña unhas personalizadas), como por exemplo o caso do columpio, que decidín resolver cunha exclamación "misteriosa". O elemento que máis me costou incorporar foron os polígonos, que finalmente decidín usar para diferenciar tres das zonas da cidade.


Fixen uso do hipertexto para completar información en todos os puntos nos que era posible. Por exemplo, no caso dos monumentos derivei en case todos os casos á páxina da Cámara Municipal de Coímbra, e no caso dos locais de restauración ás páxinas de Facebook ou de TripAdvisor.


Escollín a base do mapa clásica porque penso que é a máis axeitada entre todas para sinalar puntos turísticos dun entorno urbano, xa que contén escritas algunhas rúas e puntos de referencia que facilitan a ubicación espacial dos lugares marcados por min sen necesidade de ter que engadir máis texto ou indicacións.








1 Comment


angelvizoso
angelvizoso
Nov 09, 2021

Pois pouco se pode dicir, xa que consegues condensar un tema que tería tendencia a ser extenso dun xeito moi claro e moi eficaz. Aquí a tendencia sería falar e falar, porque nunha cidade sempre hai para contar máis cousas. Con todo, achegas unha pequena introdución de cada un dos puntos de interese e consegues organizar unha experiencia variada na cidade (non te centras só nun tipo de espazos ou lugares).


Está moi ben traballado no terreo do contido, pero non menos ben no da súa presentación. A organización cromática e a través das categorías do menú é moi boa e permítelle a quen sente diante da pantalla deseñar a súa propia experiencia. Ademais, ideas como ese "Boas vistas!" que…


Like
bottom of page