top of page

Como serían as eleccións de EUA de 2020 coa lei electoral española?

España e Estados Unidos comparten o estatus de democracias parlamentarias, mais a forma de escoller aos nosos mandatarios ten importantes diferenzas que fan que un mesmo voto teña un valor distinto en cadanseu territorio


O actual presidente dos EUA, Joe Biden, e o ex-presidente Donald Trump. Imaxe: Prensa Latina.


2019-20 foi un curso especialmente difícil para probablemente a inmensa maioría das persoas, encadeando un tras outro eventos canto menos negativos e tráxicos: a pandemia de COVID-19, a crise económica resultante da mesma e episodios cruentos de brutalidade policial e racismo foron só algunhas das malas noticias que nos deixou ese período de tempo. Porén, para a política foi un curso especialmente candente, no cal encadeamos dúas grandes eleccións de grande importancia para o noso país: as eleccións xerais de novembro de 2019 e as eleccións presidenciais de Estados Unidos de novembro de 2020 (importantes pola ampla influencia que o país ten sobre o resto do mundo).


Dúas citas electorais tan sinaladas deron lugar a algunhas comparacións e preguntas sobre como funcionaban os diferentes sistemas electorais de ambos países. A pesares de que España e Estados Unidos son ambas democracias parlamentarias con eleccións cada catro anos, o proceso electoral de ambas sepáraas profundamente. Cales son estas diferenzas tan profundas que nos deixa a comparación delas?


O elemento máis importante quizais é a forma na que funciona o reparto do poder en cada unha das circunscricións electorais que conforman ambos países. Mentres que en España as circunscricións corresponden ás provincias e cidades autónomas, en Estados Unidos correspóndense aos 50 estados que os compoñen máis o Distrito de Columbia, onde se atopa a capital, Washington D.C.


O noso país utiliza o Sistema D’Hondt, creado polo xurista belga Victor d’Hondt en 1878. Trátase dun sistema de reparto de escanos (neste caso, os 350 asentos do Congreso dos Diputados, divididos entre as 50 provincias e 2 cidades autónomas de España segundo a súa poboación) que busca asignar a cada partido político un número de escanos correspondente ao seu número de votos. Este método lévase a cabo creando unha táboa na cal se dividen os votos de cada partido entre 1, 2, 3... ata alcanzar un número igual ao de escanos desa circunscrición, para a continuación seleccionar os números máis altos da táboa (se a circunscrición ten 6 escanos a repartir, escóllense os 6 números máis altos).


Para optar a escano nas eleccións xerais españolas, a lei electoral establece que os partidos deben de superar o 3% dos votos nas provincias nas que se presenten; do contrario, serán automaticamente eliminados. Unha explicación máis pormenorizada do método D’Hondt pódese atopar aquí.


Por outro lado, en Estados Unidos o sistema utilizado é un baseado no Colexio Electoral, composto polos comprpmisarios. Cada estado ten un número de compromisarios (dun total de 538, que corresponden ao número combinado de asentos na Cámara de Representantes e Senado) que son persoas que o representan. Este número decídese segundo o tamaño da poboación de cada estado, dunha forma similar ao reparto de escanos aquí. Porén, o partido que gaña en cada estado leva todos os votos do Colexio Electoral dese lugar, e o resto de partidos non se levan nada, aínda que só perdesen por uns cantos votos.


Este sistema pode dar lugar a un novo Presidente dos Estados Unidos que non foi o máis votado, só porque gañou con pouca diferencia nos estados nos que máis votos se repartían, e perdeu con maior diferencia nos que menos se repartían. Este caso deuse 5 veces na historia de Estados Unidos: nas eleccións de 1824, 1876, 1888, 2000 e, máis recentemente, en 2016. Nestas últimas, Donald Trump gañou as eleccións con 304 compromisarios contra os 227 de Hillary Clinton, a pesares de que a demócrata conseguise 65,8 millóns de votos fronte aos 62,9 millóns do republicano.


Nas eleccións de 2020, Joe Biden gañou tanto o voto popular coma o voto electoral, con 81,2 millóns/306 compromisarios fronte aos 74,2 millóns/232 compromisarios de Trump. Porén, a diferencia entre ambos votos seguiu a ser importante: Biden obtivo o 51,3% do voto popular e o 56,9% do voto electoral. Esta última observación lévanos á cuestión principal deste artigo: como cambiarían os resultados das eleccións de 2020 nos EUA se o sistema utilizado fose o mesmo que en España?


Para iso converteremos os compromisarios a escanos, e repartirémolos mediante o método D’Hondt. Só teremos en conta os votos dos dous principais partidos, o Demócrata e o Republicano, xa que ningunha das outras candidaturas presentadas chegou ao 3% dos votos en ningunha das circunscricións nas que se presentaron. Podes facer a túa propia simulación con ferramentas coma esta, elaborada polo programador web Isaac Roca Escoda.


Os resultados pódense observar nas seguintes infografías que distribúen os números a través dun mapa de calor (canta máis intensa a cor, por maior marxe gañou o candidato correspondente ese estado) e unha táboa cos resultados completos:

Unha vez obtidos os datos, que conclusións sacamos deles? No caso das eleccións de 2020, podemos ver que os resultados varían lixeiramente, pero non o suficiente como para decidir un novo gañador. Isto débese á improbabilidade de que un partido gañe as eleccións sen ter a maioría de votos co método D’Hondt (podería ocorrer, pero as posibilidades son moitísimo menores e sería por unha diferenza moi pequena).


Os resultados arroxan algo de coherencia aos datos mencionados anteriormente, nos que comparabamos a porcentaxe de votos de Biden (51,3%) coa porcentaxe de voto electoral (56,9%), e como había unha diferenza de máis de 5 puntos. Coa lei D’Hondt, a porcentaxe de voto electoral (276) sitúase nun 51,3%, igualando o dato do voto popular. Con isto podemos concluír que a división do voto sería máis igualitaria, pero non cambiaría o resultado da elección nin resultaría nun maior número de congresistas ou senadores, xa que a diferenza de España, as eleccións para escollelos son distintas.


Onde podería cambiar o resultado a lei D’Hondt? Nos 5 casos nos cales o gañador das eleccións non foi o partido máis votado. Especialmente flagrante é o caso de 2016, no cal Trump amasou unha cómoda maioría en voto electoral (304) con case 3 millóns de papeletas menos que a súa contrincante Clinton. Co sistema electoral español, a vitoria sería para a demócrata.


En conclusión, este experimento serve para sinalar o que é unha situación que non é habitual, pero que ocorre en determinadas ocasións en Estados Unidos e noutros países: ter a maioría de votos non sempre che garante gañar as eleccións. Existe unha grande diversidade de sistemas electorais no mundo, cada un coas súas rarezas e sinxelezas, e comparalos axúdanos a comprender mellor como o valor dun voto difire dependendo do lugar no que residas.


Bases de datos usadas para o mapa e a táboa:

Fontes para a visualización:

Táboa persoal para manexar os datos:

1 opmerking


angelvizoso
angelvizoso
31 jan. 2022

Pois vou ser moi breve, que seica o tempo é ouro. Está excelente. Realmente case non habería por onde sacarlle punta porque todo está perfecto.


A estrutura do artigo é moi boa e todas as partes que entran a formar parte do relato teñen pleno sentido e aportan información. Non hai redundancias, hai un bo uso do hipertexto e unha serie de destacados que axudan a identificar os elementos clave.


En canto aos materiais gráficos, hai unha liña cromática clarísima que axuda a unilos aínda estando realizados en ferramentas diferentes. As formas gráficas elixidas son pertinentes e a súa programación non amosa ningún erro.


Só habería un aspecto (mínimo) que sinalar. Se te fixas, na táboa final, na parte da…


Like
bottom of page