top of page

As RRSS en España: unha estrutura social que se afianza

Dende a súa chegada, Internet revolucionou moitos ámbitos diarios e sociais, especialmente o das comunicacións, dando lugar a novos sistemas de contacto colectivo e global


Foto: Pinterest


Cal é o uso e penetración das redes sociais? Responder a esta pregunta é unha das grandes incógnitas do mundo web na actualidade, con case 5.000 millóns de usuarios que cada día usan Internet. Unha cifra cuxo aumento arrastra consigo un crecemento correlativo no número de individuos que cada ano se conectan en redes. Nos últimos doce meses, o número de rexistros nestes medios abarcou ao 56,8% da poboación mundial.


A tecnoloxía da información e a comunicación cambiou rapidamente nos últimos 20 anos, cun desenvolvemento clave mediante a aparición destes novidosos sistemas sociais. Pero a medida que o soporte virtual avanza, o ritmo das redes está a acelerarse. Centrándonos en España e segundo os resultados do Estudo Anual de Redes Sociais 2021 de IAB Spain, un 93% da poboación utiliza Internet, o que supón un promedio de 31,4 millóns de habitantes, mentres que o número de usuarios en redes se sitúa en 26,6 millóns.


O 85% deles nunha franxa de 16 a 70 anos, usa ou usou algunha vez Whatsapp, que se mantén como a rede máis usada, seguida de Facebook, usada polo 75%, que decrece con respecto ao 2020 (81%) e o 2019 (87%). Whatsapp, Facebook e Youtube foron as redes máis utilizadas ao remate do 2021, e Instagram, Telegram, TikTok, Pinterest e Twitch, as que máis creceron. Case o 85% dos internautas españois ten conta nalgunha delas, e afirma ter usado 5,4 redes en promedio algunha vez.


En todo o mundo, os dispositivos móbiles dominan en termos de minutos totais pasados en liña (97%), seguidos dos ordenadores (93%). Sen embargo, no 2021 as Smart TV apuntaron un crecemento importante (68%), seguidas das tablets (59%) e os Smartwatches (28%).


Con todo, aínda queda quen foxe destes novos instrumentos comunicativos. O perfil non usuario de redes é lixeiramente masculino e adulto, menos estudante e máis retirado. Pero esta porcentaxe a día de hoxe no territorio español, só é do 15%. As principais barreiras para non entrar nelas son a falta de interese –xa o fora no ano 2020-, a protección da privacidade como segundo motivo, e aumenta o rexeitamento por falta de tempo.


Para quen si as utiliza, as preferidas son Whatsapp e Instagram, as dúas redes sociais con maior frecuencia de uso. A primeira acada un uso total diario do 97%, consultada polo 84% dos usuarios durante varias veces ao día, o 13% faino con frecuencia, e só o 2% o fai cada 2-3 días. A segunda reforza a súa posición no 2021, e experimenta un uso diario do 83%, consultada polo 52% durante varias veces ao día. De novo, Facebook e Youtube son as redes que maior frecuencia de uso diario perderon no pasado ano.


A intensidade de uso no 2021 mantense con respecto ao 2020: 1h 21 minutos fronte a 1h 19 minutos no ano da pandemia. E soe ser en Twitch, Instagram e Spotify, as redes nas que máis tempo pasan os internautas – as razóns apuntan ao propio funcionamento destas: vídeo, música, entretemento-.

Pero, que é o que realmente buscan os usuarios nas redes? Un estudo realizado polo Consumer Insight Group do New York Times revelou as motivacións que os participantes citaron para compartir información en redes sociais. Estas inclúen o desexo de revelar contido valioso e entretido a outros; definirse a si mesmos; crecer e nutrir relacións, e para correr a voz sobre as marcas e causas que gustan ou apoian.


As redes sociais están a usarse como formas de política, negocio, cultura, educación, innovación e máis

Estes factores provocan que as redes, ademais de ser un medio útil para manterse en contacto con amigos e familiares, sexan utilizadas tamén de maneira que produzan un impacto real na sociedade. As redes sociais están a usarse como formas de política, negocio, cultura, educación, innovación e máis.


Neste escenario, a publicidade aproveita para facerse un oco nas contas dos usuarios. Un 31% confesa que acepta que se lles mostre publicidade adaptada aos seus intereses, e a un 29% moléstalles. 5 de cada 10 opinan que a publicidade vista nas redes cumpría as súas expectativas de información, usabilidade e formato. Un 7% declara que a publicidade segundo os seus intereses lle gusta moito, a un 40% nin lle gusta nin lle desgusta, e a un 15% non lle gusta nada.


Investigar nestas canles antes de realizar unha compra é un feito para case o 50% dos usuarios. A principal canle para buscar información é Instagram (arrebatándolle o posto que algún día tivo Facebook). Un 37% deixa comentarios, expón os seus problemas e tamén as dúbidas sobre as súas compras nas redes. O dato de interese recae en que case o 50% declara que estes medios influíron na súa compra final de produtos ou servizos, sobre todo entre as mulleres e os menores de 24 anos.


Neste punto convén introducir a figura dos influencers, individuos aos que se lles supón certa credibilidade sobre un tema concreto, que por presencia e influencia en redes poden chegar a converterse en prescriptores interesantes para unha marca. Sorprendentemente, o seguimento de influencers diminuíu durante o 2021. Un 43% considera que os comentarios que realiza este colectivo son bastante ou moi publicitarios. Instagram segue sendo a rede onde máis seguidores suman.


Un dos grupos que máis información absorbe por parte destas personaxes son os máis novos. A Xeración Z é a que máis confianza lle concede aos influencers, baseando as súas crenzas nos protagonistas das comunidades que os representan e cos que se identifican. Hai que ter en conta que esta xeración, que abarca a poboación dende os 16 ata os 24 anos, foi a que naceu na era dixital, e por elo, non viviron un mundo sen tecnoloxía e sen Internet.


A Xeración Z e a Millennial son as dúas que máis tempo pasan conectadas en redes sociais

A Xeración Z usa máis redes sociais, tales como Instagram, Twitter, Spotify, TikTok, Snapchat ou Twitch. Os Millennials, franxa de 25 a 40 anos pola súa parte, decántanse por Facebook e LinkedIn. Whatsapp, Youtube, Instagram, Pinterest, Telegram e Tinder son as máis transversais. O promedio de redes usadas pola xeración máis nova é de 6,8, lixeiramente superior ás 5,4 redes que usaron en promedio os Millennials algunha vez.

Estas son as dúas xeracións que máis tempo se pasan conectadas en redes sociais. Con todo, a Xeración Z é máis intensiva que a dos Millennials, 1 hora e 42 minutos de media ao día en redes, fronte a 1 hora e 16 minutos que pasan os do milenio.


Todo isto demostra que as persoas recorren ás redes sociais para conectarse entre si, para compartir co seu círculo próximo e diminuír as distancias. Ao mesmo tempo, as redes xeraron espazos de discusión e interacción que habilitan a posibilidade de compartir con persoas novas. Espazos como Whatsapp ou Instagram volvéronse indispensables para que os usuarios poidan coñecer os sucesos máis importantes que teñen lugar tanto na súa burbulla, como noutras moi diferentes.


Vídeo elaborado por Alba Lea Duro



Fontes empregadas:


Toda a información usada para este traballo provén dos datos ofrecidos polo informe anual da asociación mundial de comunicación, publicidade e marketing dixital, IAB Spain, ''Estudo de Redes Sociais 2021''.


Así como de certo datos internacionais sacados do informe ''Digital 2021 Global Overview Report'' feito pola plataforma Hootsuite.

1 Comment


angelvizoso
angelvizoso
Jan 31, 2022

Moi ben en termos de estrutura. O curso do relato é moi bo e as aportacións que introducen as pezas de infografía e de visualización, tamén.


A infografía elaborada está moi ben, tanto no relativo á súa construción como nas xerarquías do texto e o contraste entre o fondo e os elementos presentados sobre este.


Os gráficos de Flourish están ben programados e o traballo cos datos é correcto. Porén, no segundo deles faltaría por introducir a precisión de que temos diante porcentaxes. Esta modificación é sinxela, pois abondaría con introducir o sufixo "%" en cada unha das ventás emerxentes. Aínda que esta información figura como nota baixo o título, lembra que Flourish permítenos engadir os sufixos xusto ao carón…


Like
bottom of page