top of page

A vivenda baleira contiuará sendo un reto para Vigo en 2050

O equipo redactor do novo PXOM realizou un estudo das proxeccións demográficas e de vivenda de cara as próximas décadas

Edificio desocupado situado en Paseo de Alfonso XIII 56 | Fonte: @VigoBaleiro


Vigo vén de pechar a consulta público do PXOM (Plan Xeral de Ordenanza Municipal), que define as liñas de actuación no plano urbanístico da cidade dende 2023 ata 2041 e marcará o seu crecemento nos próximos anos. A construción de nova vivenda é unha das chaves para un municipio que, en trinta anos, xa tería superado o umbral do 300.000 habitantes e, no mellor dos casos, estará por encima dos 330.000, segundo o estudo realizado para a elaboración do plan. A distribución do parque de vivenda mudará levemente, de forma que a taxa vivenda baleira só tería descendido en tres puntos dende a elaboración do último censo, en 2011, ata o horizonte 2050.


O equipo redactor do documento, da UTE Oficina de Planeamiento e Sepia Técnicos, cifra a necesidade de vivenda en 45.000 de cara a 2050. Defenden a imposibilidade do enchido total das vivendas baleiras e apóianse na taxa de fricción de mercado, que se traduce na marxe que o mercado inmobilario precisa para funcionar ben, segundo Kingsley e Turner. Esta non debería sobrepasar o 5%, referencia de cara á cifra de 2.500 vivendas baleiras que forman parte da demanda de vivenda marcada no estudo.


Que pasará, entón, co parque desocupado ao longo destes anos? En reiteradas ocasións aluden á mobilización dun mínimo do 10% do parque de vivendas baleiras actual durante a vixencia do Plan, para a que marcan obxectivos cuantitativos por trineio, pero non detallan medidas. Reduciríase a taxa do 12,95% rexistrada no censo ao 10,54% en 2041, que relacionan coa vivenda desocupada a rehabilitar, e ao 9,79% en 2050.



Sobre o papel, hai diversas consideracións sobre o termo «vivenda baleira». No anuncio sobre as medidas que implantará a Lei de vivenda, Pedro Sánchez anunciou unha penalización aos propietarios de pisos baleiros cun recargo no Imposto de Bens Inmobles (IB) de ata un 150%. En consecuencia, a lei deberá definir o concepto, que ata agora o INE trataba como aquela que «non é a residencia habitual de ningunha persoa nin é empregada de forma estacional, periódica ou esporádica por ninguén».


A vivenda baleira e a secundaria desaparecerán da clasificación do censo de 2021

Na elaboración do censo de 2021, o INE anunciou un cambio na tipoloxía das vivendas, baseada no seu consumo eléctrico co fin de empregar unha clasificación máis precisa. Así, a vivenda baleira e as secundarias desaparecerán para tan só falar de vivenda principal (xente empradoada) e secundaria (non empodradas), a falta de determinar os rangos de consumo.


En consonancia coas súas competencia sobre vivenda, varias comunidades autónomas implementaron medidas para mudar a situación de abondo inmobiliario. En Cataluña un imposto grava a vivenda baleira dende 2015 para incentivar a cesión de piso ao aluguer social por parte dos bancos; en Baleares, contémplase a intervención das edificacións desocupadas mediante a súa cesión de uso temporal, e o Goberno do País Vasco impulsou o programa Bizigune para a mobilización destes pisos mediante o aluguer protexido.


En Galicia, non hai ningunha medida imposta para a regulación desta situación. Non obstante, a Lei 1/2019, de 22 abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia promove a sostenibilidade do solo urbano a partir da rehabilitación dos edificios abandonados.


Unha ollada a Galicia


En valores absolutos, Vigo só se ve superada por A Coruña en canto a edificacións desocupadas se refire. Porén, é a cidade galega cunha taxa menor de vivenda baleira cun 12,8% respecto ao parque total fronte ao 21,70%, que lidera a clasificación. As maiores taxas atopámolos, con todo, en Porqueira (41%), Castrelo do Val (38%) e Melón (37%), pertencentes á provincia de Ourense, que é ademais a provincia que en 2011 tiña a maior taxa de abandono en España.



As taxas de vivenda baleira segundo o tamaño dos municipios indícanos que se tende a concentrar nas localidades de entre 5.000 e 20.000 habitantes, unha consecuencia derivada do sucedido trala burbulla inmobiliaria. Sucede en Galicia, pero tamén no resto do Estado. Esta tendencia é contraria á composición da poboación: os núcleos máis poboados son os superiores aos 100.000 residentes.




@VigoBaleiro: en loita contra un problema endémico


Edificio desocupado en Tomás Alonso 51 | Fonte: @VigoBaleiro


A iniciativa @VigoBaleiro nace da man dun grupo de amigos para denunciar o que definen como unha situación endémica. A través das súas publicacións en Instagram e Facebook radiografían o parque de vivenda abandonado da cidade para visibilizar a situación de edificios que poderían pasar desparcebidos. Este traballo culmínase nun inventario no que recollen as máis de 200 vivendas que confirmaron que están baleiras.





1 comentario


angelvizoso
angelvizoso
31 ene 2022

Moi ben construído o fluxo da información, pois todas as partes suman á hora de narrar esta temática. Habería que revisar algunhas cousas do idioma como un "influenzas" que se infiltrou por aí, pero pouca cousa.


Os materiais gráficos están perfectamente executados e os datos moi ben traballados dentro deles. Porén, no mapa de Datawrapper a proposta sería un chisco máis clara de apostar por unha escala liñal en lugar de separar as porcentaxes en tramos. Así sería posible apreciar os matices entre a presenza da variable nos diferentes territorios.


Noraboa polo proxecto! Ben traballado! 👏🏻

Me gusta
bottom of page