top of page

A porcentaxe de ocupación en sectores de alta tecnoloxía en Europa (norte, centro e sur) e en España

Para esta última práctica decidín comparar a porcentaxe de empregados en sectores de alta tecnoloxía (fabricación de produtos farmacéuticos, informáticos, electrónicos, etcétera…) que existe en España (concretamente, sinalando as comunidades que están á cabeza neste aspecto) e Europa para saber se, dalgún xeito, estamos máis “atrasados” que o resto dos países veciños. Nesta liña, pareceume interesante facer unha división do continente, xa que se trata dun territorio moi heteroxéneo e variado a nivel social e económico, polo que non tería demasiado sentido poñer no mesmo plano a Chipre e Islandia cando os seus contextos non teñen nada que ver. Así, separei norte (que, popularmente, asóciase máis a un alto grao de desenvolvemento no sector tecnolóxico), centro e sur (que, pola contra, tenden a ser concibidos como países “de letras” e que apostan menos pola innovación). Despois de observar as visualizacións, pode afirmarse que todos estes tópicos quedan en, precisamente, só tópicos.


En todos os gráficos, por medio dos popups, inclúo a bandeira, a poboación total (interesante especialmente porque aínda que falemos de proporcións os países pequenos poderían ter máis doado destacar, aínda que veremos que non é así) Produto Interior Bruto (o PIB mide a riqueza do país, e aporta moito coñecelo para ver que os países cun valor máis alto tamén teñen un sector tecnolóxico moi desenvolvido) e a renda media (como indicador para saber observar a relación entre o nivel de vida, a riqueza e o avanzado tecnoloxicamente que é o país). Foi un traballo que me levou moito tempo, xa que a idea orixinal era simplemente expoñer a porcentaxe en torno á que xira todo o traballo e tiven que engadir a posteriori todos os datos, pero estou moi satisfeito porque quedaron unhas pezas moi completas e interesantes. En todas elas recomendo velas a través da ligazón, en pantalla completa.



 


No caso do primeiro gráfico, amoso de arriba a abaixo as zonas a comparar (arriba o norte e abaixo o sur; logo destaco España). É moi cómodo para visualizar que, por exemplo, Andalucía -unha rexión que non asociaríamos a un elevado desenvolvemento tecnolóxico- posúe a mesma porcentaxe de ocupación neste sector que Francia. Incluso, está moi por diante de países tan avanzados como Noruega ou Islandia. Hai outros datos interesantes, como que o Páis Vasco está por diante de todos os países de Europa ou que o centro de Europa (Eslovaquia, Eslovenia, Alemaña…) está claramente á cabeza neste eido.


Pantalla completa: https://public.flourish.studio/visualisation/7969678/





En relación á xerarquía, elixín o treemap. Penso que representa bastante ben a situación. Este tipo permite agrupar eficientemente en grupos os lugares e, por medio do tamaño, comparalos.


Pantalla completa: https://public.flourish.studio/visualisation/7994515/




Por último, no gráfico de elección libre, optei por un que destacase os lugares que posúen unha porcentaxe maior, sen poñer tanta énfase na zona á que pertencen (aínda así están agrupados por cor e tamén posicionalmente: á esquerda o norte e á dereita o sur).


Pantalla completa: https://public.flourish.studio/visualisation/8073628/




O Excel que usei foi este (os datos de Europa son de Eurostat e os de España do INE):






Non contén a información dos popups porque introducín cada dato un a un despois de rematar o que era o traballo en si. É un erro pola miña parte porque investín horas nalgo que podía estar comodamente organizado e ordeado. Aínda así, creo que tampouco tería resolto demasiado porque as táboas son distintas en cada gráfico. Mentres nalgúns as zonas (norte, centro e sur) eran columnas diferentes, noutros eran valores dunha fila e, incluso, no primeiro e terceiro caso tiven que agrupalos e poñer, por exemplo, a propósito os países do norte nos primeiros ocos.

1 Comment


angelvizoso
angelvizoso
Dec 27, 2021

Moi ben resolto no plano dos datos e da programación dos elementos, xa que todo funciona correctamente. Tan só tería que facer dous apuntamentos que, ademais, se manteñen ao longo dos tres proxectos.


En primeiro lugar, con respecto ás ventás emerxentes, a miña recomendación é que fagas a disposición cara abaixo, non poñendo máis de unha ou dúas ideas por liña. Aínda que en pantalla completa non daría demasiados problemas, hai que pensar sempre os proxectos tendo en conta onde van ser visualizados. O máis normal con este tipo de materiais é que vaian nunha web con máis elementos, polo que sería pouco habitual ter toda a pantalla á nosa disposición. Así, a recomendación é non facer eses popups moi…


Like
bottom of page