top of page

A industria do cine en Portugal, baixo mínimos

Actualizado: 31 dic 2021

Unha tradición de desleixo aos filmes nacionais marca con lume o mercado máis monopolístico de Europa

Fotograma do filme 'A metamorfose dos pássaros' (Catarina Vasconcelos, 2020)

É unha consigna habitual entre os académicos e cineastas portugueses a de «O cinema português nunca existiu». Si existen filmes portugueses: no ano 2020, producíronse 49 películas —longametraxes e curtametraxes— en Portugal. Tamén algúns recoñecementos a contados autores de prestixio internacional, coma os dous Leóns de Ouro honoríficos a Manoel de Oliveira no Festival de Venecia. Pero o cine portugués non consegue chegar nin ao seu público nacional.


O cinema, como actividade nacida na era da industria e dunha natureza esencialmente industrial, non o tivo nunca fácil para establecerse nun país que non comezou a industrializar a súa economía ata rematada a II Guerra Mundial. Tampouco nunha conxuntura política que aprehendeu os modos de produción do rural coma férreos ideais ata o ano 1974, cando caeu a ditadura salazarista.


Mirando uns anos atrás


O crecemento económico e industrial logo da proclamación da República foi lento e inestable. Non obstante, os sucesivos gobernos mantiveron a cultura nun lugar privilexiado na concesión de presupostos e a poboación respondía favorablemente. As liñas de subvención ao cine, motivadas polas políticas de excepción cultural da Unión Europea, medraron progresivamente, e con elas, a produción de filmes.


Porén, a evolución da industria quebrouse radicalmente coa irrupción dunha crise económica que trouxo consigo a necesidade dun rescate económico por parte da UE en 2011. A pesar da inxección de miles de millóns de euros desde Bruxelas e das duras medidas de austeridade impostas polo goberno, o país continuou sumido na maior recesión económica desde os anos 70. De case 600 millóns de euros conferidos polo Estado á cultura e á relixión en 2012, o gasto viuse reducido a un terzo no ano seguinte.


Coa chegada ao goberno do Partido Socialista en 2015, a economía portuguesa relanzouse dun xeito considerable baixo o mandato do primeiro ministro António Costa. Recuperouse tanto o orzamento en asuntos culturais, coma o gasto por parte da poboación en consumo de cultura. A produción cinematográfica, pola súa banda, disparouse a niveis inéditos en Portugal.



A invisibilidade do cinema portugués


Porén un maior investimento en produción e un maior gasto familiar en cultura non implicou o crecemento cualitativo do cine portugués. A cota de espectadores do cine de nacionalidade portuguesa —un 4,5% en 2019, segundo o Instituto do Cinema e do Audiovisual de Portugal— supón unha das cotas máis baixas dos cinemas nacionais europeos dentro dos seus respectivos mercados de orixe.

Outro síntoma da debilidade da industria cinematográfica portuguesa fíxose visible coa covid. Durante o ano 2020, as majors de Hollywood conxelaron a distribución en salas de cinema por mor das limitacións de aforo e a meirande parte dos filmes estadounidenses, que sosteñen de normal unha enorme porcentaxe das ganancias en todos os mercados nacionais europeos, ben atrasaron a súa estrea ao ano seguinte, ben saíron a circulación mediante plataformas de vídeo baixo demanda. Esta situación fixo que a cota de espectadores dos cinemas nacionais medrase substancialmente.


En España, por exemplo, o cine producido no Estado, que adoita soster unha cota próxima ao 15%, medrou ata o 25%. Outro caso paradigmático é Dinamarca, unha das industrias máis robustas de Europa, na que os filmes daneses pasaron dun 23,7% de cota de espectadores a superar o 50%. Porén en Portugal a covid no tivo ningunha repercusión positiva na relevancia do cinema nacional senón que, pola contra, a súa cota de mercado reduciuse ata o 3,2%.


Os datos sacan a relucir unha notable aversión dos portugueses e portuguesas cara o cine patrio. Segundo os datos de billeteira do ICA, dos 40 filmes máis vistos no país desde 2004 ata hoxe, soamente dous foron producidos en Portugal: a coprodución franco-portuguesa A Gaiola Dourada (Ruben Alves, 2013), e mais a comedia de enredos O Pátio das Cantigas (Leonel Vieira, 2015).


Non obstante, que en Portugal non guste o cinema portugués, non significa que non guste o cinema. Cunha media de entradas per cápita fixada polo Observatorio no 1,5 en 2020, se ben o espectador portugués non é o máis cinéfilo do mundo —en Europa Occidental, os máis ávidos consumidores de cine son os franceses, cun 3,2 de entradas per cápita—, tampouco acode moito menos ás salas que o español (2,2) ou o italiano (1,7).


NOS e o monopolio da distribución e da exhibición


O certo é que, desde unha visión flexible do concepto de industria cinematográfica nacional, cómpre ser máis precisos antes falar dunha debilidade portuguesa. A produción cinematográfica é o primeiro —e por iso, esencial— elo dunha cadea de valor que conforma o sistema de produción da industria do cine. Outros dous sectores, o da distribución e o da exhibición, son indispensables para que o cinema cumpra a súa finalidade primaria de chegar a ollos da sociedade. Un vistazo a estas actividades tamén nos permite dar razóns ás eivas do cinema portugués.


Nos inicios da industrialización de Portugal, alá pola década dos 50, uns empresarios viron no cinema un prometedor produto do que sacar rédito mediante a importación de Hollywood. Así naceu NOS Audiovisuais, actualmente o segundo holding de comunicación máis importante de Portugal e máximo detentor do poder no mercado cinematográfico nacional.


De feito, o volume de negocio no sector da distribución de NOS é tan descabelado —preto dun 50% de cota de espectadores no ano 2020, e superando o 70% nun exercicio normal— que fai de Portugal unha rara avis no escenario europeo, no que Disney é a raíña do mercado. NOS Audiovisuais conta con 219 salas de exhibición en Portugal —un 39% do total de pantallas— e, ademais, posúe un 20% de Big Picture 2, a segunda distribuidora máis importante do mercado.


NOS Audiovisuais non produce cinema portugués; dedícase a importar películas desde o estranxeiro. Nun país sen apenas tradición cinematográfica, a empresa que monopoliza as relacións de circulación dos filmes non inviste na industria nacional. Temos un xigante moi poderoso que non se preocupa por nutrir os cultivos que o rodean, senón por traer o produto de fóra. E dos terreos portugueses non agroma nin unha soa pataca.






Inxiro a continuación as follas de cálculo cos datos, en orde de aparición na peza:






1 Comment


angelvizoso
angelvizoso
Jan 27, 2022

O conxunto ou a reportaxe vista como conxunto é perfecta. O fío da narración é excelente e a aportación que fai cada un dos gráficos ao texto proposto axuda a ir debuxando o tema de forma moi clara.


En canto aos materiais de infografía e visualización, son tamén claros e os datos presentes neles están, dende logo, ben traballados e ben expostos. Porén, habería unha certa marxe de mellora neles, unha mellora que chegaría da man dun maior aproveitamento do soporte no que está feita a reportaxe.


No primeiro gráfico sería algo máis convinte unha presentación dos anos en conxunto (todos xuntos) ou ben unha nota que nos convide a pasar o rato sobre cada unha das burbullas. Ao activar…


Like
bottom of page