top of page

A facturación da industria cultural do cinema nos anos a.C.: antes da Covid-19

Actualizado: 19 ene 2022

Un percorrido pola situación económica que atrevasaba o sector nos albores da época prepandémica. Con apertura de miras, unha análise que non só recompila as cifras de asistencia, as de financiamento ou as de taquilla no contexto local, nacional e comunitario, senón que engade algunhas claves para coñecer a grosso modo como se vertebra o universo da Sétima Arte.


Sala de exhibición de Numax, en Santiago de Compostela. Foto: El Español



Ir ver unha película ao cinema foi a primeira opción de lecer escolleita polos españois no 2018, segundo a Sociedade Xeral de Autores e Editores (SGAE). A asistencia ás salas de exhibición supuxo, ese mesmo ano, case o 70% do consumo cultural do país. Esta afluencia de público pode deberse, quizais, a que un billete de acceso á Sétima Arte custa, de media, 5,99€; é dicir, é significativamente máis barato ca o doutros espectáculos, tales como o teatro ou a ópera, cuxos prezos roldan os 16,79€ e os 30,93€, respectivamente.


No caso galego, 3.840.000 persoas mercaron unha entrada de cinema para un total de 180 pantallas que existían entón na nosa rexión, segundo datos da Asociación para a Investigación de Medios de Comunicación (AIMC). Tal número de boletos tradúcese nunha recadación de 22,7 millóns de euros para as salas da nosa Comunidade en 2018. En consecuencia, a facturación galega aportou un 3,87% ao total recadado polo conxunto do Estado, que acadou unha cantidade de 585,7 millóns de euros en 2018.


Neste contexto, o Ministerio de Cultura notifica para o total nacional un aumento de espectadores de 3.8 puntos no período 2018-2019, respecto ao período 2013-2014. En paralelo, os cinemas españois reuniron 1.209,8 millóns de euros entre 2018 e 2019, grazas a un total de 203,2 millóns de espectadores que foron ao cinema nese tempo. Cómpre clarificar que 585,7 millóns de espectadores, corresponden a 2018; e que 624,1 millóns, pertencen a 2019.



Para máis inri, a asistencia ás salas de exhibición rexistrou en 2019 o mellor balance de espectadores dos últimos dez anos, ata que a Covid-19 golpeou a industria brutalmente. O ano do confinamento, en 2020, a cifra de espectadores de cinema en España foi tan só de 7,37 millóns; unha caída do 98,82% respecto a 2019, segundo datos da empresa auditora, Comscore.


No tocante ao investimento por habitante en cinema, Galicia sitúase no cuarto lugar das Comunidades Autónomas co gasto máis reducido; en concreto, con 8,5 euros, o que supón 4,1 euros menos que a media estatal, establecida en 12,6 euros. Isto débese a que, en Galicia, a asistencia media sitúase en 1,4 películas por habitante, fronte á media estatal de 2,1.


Como se reparte o prezo dunha entrada de cinema?

En primeiro lugar, cómpre sinalar que as entradas de cinema grávanse ao 10% de IVE dende o 5 de xullo de 2018, coa aprobación dos Presupostos Xerais do Estado polo Congreso durante o mandato de Mariano Rajoy. En 2012, o mesmo Goberno do PP, decidira subir o IVE da cultura e do lecer do 8% ata o 21%. Dende entón, lograr unha rebaixa fiscal foi a gran reivindicación do sector.


O ministro de Cultura, Íñigo Méndez de Vigo, confirma a baixada do IVE ao cine en 2018

Vídeo: EuropaPress


Pero, quen son os beneficiarios dos cartos que pagamos por unha entrada de cinema? Imos pór, como exemplo, unha que custe 7,50€.

  • O 10% da entrada (0,75€) corresponde ao IVE e vai para Facenda.

  • O 3% da entrada (0,20€) vai para a SGAE, polos dereitos de autor.

  • O 87% restante, repártese ao 50% entre o exhibidor (3,28€) e o distribuidor e o produtor (3,28€).

  • Dos cartos que percibe o distribuidor, retén un 20% en concepto de comisión de distribución. Isto equivale a 0,65€.

  • Grosso modo, podemos calcular que a produtora ingresa 2,63€ de cada entrada.; isto é, un 34,97% do prezo inicial. Con estes cartos, ten que pagar a produción da película (unha española ten un custo medio de tres millóns de euros) e a publicidade e o marketing (non inferior a 450.000 euros para un lanzamento modesto en España).


O panorama en Europa

En 2018 os ingresos brutos de taquilla nos estados membros non superaron a barreira dos sete billóns de euros. O Observatorio Europeo Audiovisual estima que caeron un 3,3% en 2018; o que supón 233,2 millóns de euros menos que en 2017. Este dato representa o resultado máis baixo dende 2014. En consecuencia, a asistencia ás salas europeas descendeu un 2,9%, aos 956 millóns de entradas vendidas. Nesta liña, o informe FOCUS 2019 relaciona dúas causas a este feito:


Por unha banda, a baixada dos ingresos obedece ao declive dos rexistros nos países con maior mercado en Europa, o chamado Big Five: Alemaña, Francia, Reino Unido (fóra da UE), España e Italia. Por outra banda, débese a un descenso da porcentaxe de cinema estadounidense exhibido en 2018, que recorta a súa influencia do 66,2%, de 2017; ao 63,2%, en 2018.



Este 2022 a organización de servizo público cumple 30 anos recompilando datos do sector audiovisual


Non obstante, medrou a porcentaxe de cinema de produción europea dun 27,9% a un 29,4% estimado, o segundo dato máis alto nos últimos cinco anos. En concreto, o número de longametraxes en Europa aumentou das 1.737 películas, en 2017; ás 1.847, en 2018. A actividade de produción está vencellada ás coproducións internacionais, co obxectivo de fomentar a cooperación entre países.


Tras dous anos consecutivos de caída, o Observatorio Europeo Audiovisual sinala un crecemento da asistencia aos cinemas e, por ende, da recadación, en 2019. Neste eido, a taquilla medra un 6,3% respecto a 2018; é dicir, acumula 427 millóns de euros máis. Tamén se supera a barreira das mil millóns de entradas vendidas, o mellor resultado rexistrado na UE dende 2004. Dende entón, o sector continúa sendo esmagado pola pandemia da Covid-19.



Canto custa producir un filme en Europa?

Un informe do Observatorio Europeo Audiovisual sobre o financiamento de películas de ficción en 2018 revela que o orzamento promedio dunha produción sitúase nos 1,93 millóns de euros no noso continente. Porén, o investimento cambia entre países, en función do tamaño dos seus mercados.


Deste xeito, o custo medio dun filme ascende: a 3,2 millóns de euros no Big Five, cun sector fortalecido; a 1,5 millóns de euros nos mercados de tamaño medio, tales como Bélxica, Suecia, Países Baixos, Dinamarca, Polonia, Hungría, Austria, Irlanda ou República Checa; e a 900.000 euros en mercados pequenos, como Finlandia, Grecia, Romanía, Portugal, Letonia e Noruega.


En última instancia, o investimento medio dun filme rolda o medio millón de euros ou menos en territorios cunha industria feble, como Croacia, Lituania, Luxemburgo, Eslovaquia, Eslovenia e Bulgaria; e xa agoniza en países sen actividade continuada de produción, tales como Chipre, Malta e Macedonia.





Despois da idea: como se sufraga unha película?

As películas máis taquilleiras a nivel mundial en 2018 e en 2019 corresponden á mesma saga: os Vengadores de Marvel. Respectivamente, son Vengadores: Endgame e Vengadores: Infinity war, que obtiveron sendas recadacións de 2.048 millóns de dólares e de 2.797 millóns de dólares. Para máis inri, a primeira sitúase como a cuarta película máis vista da historia e, a segunda, como a raíña absoluta, tras desbancar a Avatar.


Ámbolos dous títulos son de procedencia americana, cuxo sistema para recadar fondos para a produción é diferente do europeo. Ao outro lado do charco, baséanse en incentivos, desgravacións e créditos fiscais. En contraposición, o modelo maioritario no noso continente é o da subvención directa, segundo criterios que valoran a viabilidade do proxecto. Non obstante, esta non é a única vía para financiar unha cinta, posto que só aporta unha pequena parte do orzamento que require o produtor, que ten que buscar máis saídas.




PROTAGONISTAS: Ramiro Ledo e Alfonso Zarauza

Sobre a creación de políticas públicas de apoio para o financiamento do cinema comunitario, o xornalista e cofundador da coperativa NUMAX, Ramiro Ledo, sostén: "Hai que considerar o diñeiro público como un incentivo que anima a dar un salto cualitativo na cultura e que consegue un froito na sociedade. Comprender o cinema como un elemento identitario dun país para construir a opinión pública e para explicar a súa historia".


Ramiro Ledo. Foto: 21 Century Artivism



Pola súa banda, o cineasta compostelán, Alfonso Zarauza, afirma que as subvencións son unha "palabra envelenada" que ten moito de letra pequena: "A xente despotrica moito das axudas ao sector audiovisual cando, en España, é un dos ámbitos económicos menos subvencionados. O sector bancario, as construtoras, o sector agrícola... eses si que están subvencionados! O Estado español non chega a dar 80 millóns ao cinema, do que reciben o 21% do IVE, que xa supera esa cantidade que inviste".


En paralelo, para reafirmar as palabras de Zarauza, collemos como referencia o ano 2018 no contexto europeo. En Francia, o Centre Nacional du Cinéma (CNC) destinou 731,9 millóns de euros en axudas á produción de cinema. Por outra banda, as arcas públicas alemanas desembolsaron 125 millóns de euros. No caso español, as subvencións son unha montaña rusa. Aínda que o 2018 foi o período máis xeneroso dos úlitmos dez anos, cun investimento de 112 millóns de euros, en 2017 a partida descendía ata os 71 millóns e, en 2019, ata só os 41 millóns de euros en axudas á produción.


Alfonso Zarauza. Foto: La Voz de Galicia



Entre os "novos" horizontes, os dous creativos sinalan as plataformas de vídeo baixo demanda, como Netflix, Amazon Prime Video ou HBO. Zarauza asevera que "son un perigo para o potencial do sector galego" porque "teñen moi pouca delicadeza polas singularidades lingüísticas, culturais e mesmo industriais". Nesta liña, Ledo coincide en que están a afectar ao ecosistema do cinema. Ademais, sinala como punto máis conflitivo a simultaneidade: "Hai filmes que poden verse en Netflix o mesmo día que no cinema". Pero, "acaso todas as películas teñen a mesma posibilidade para imporse en todo mundo?".



---




FONTES


Asociación para a Investigación de Medios de Comunicación (AIMC)

Sociedade Xeral de Autores e Editores (SGAE)

Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA)

Observatorio Europeo do Audiovisual

Eurostat

CULTURABase

Ministerio de Cultura de España

Instituto Nacional de Estatística

Producciónaudiovisual.com

Cineytele.com

1件のコメント


angelvizoso
angelvizoso
2022年1月27日

Moi boa explicación desta temática. O fío do relato é moi bo e a peza está perfectamente construída. Todos os segmentos da proposta son moi útiles para entender esta realidade e a presentación está moi coidada.


No relativo aos gráficos, salientar en primeiro lugar que se bota de menos unha liña de estilo común que os una a todos no apartado cromático. Aquí resultaba interesante crear un pequeno libro de estilo particular para o uso das cores de cara a plasmalo nos materiais a realizar. Tamén no terreo da cor, habería que revisar a escala do mapa coroplético. Lembra que sempre falamos da importancia de manexarnos nun rango de máis claro a máis escuro pero dentro dunha mesma cor á…


いいね!
bottom of page