top of page

A alta concentración empresarial do mercado do cine español

O top 10 das películas con maior venta de entradas concentran o 73% dos ingresos totais da industria española


Campeones foi un dos filmes con maiores ingresos dos últimos anos.


CARLOTA LÁZARO | 24.01.2022


O puzzle do plan de financiamento é o maior reto ó que teñen que afrontarse as produtoras na fase de desenvolvemento dos seus proxectos cinematográficos, e a procedencia das pezas e o xeito de combinalas son o que determina en maior medida o resultado final e a exitosa saída comercial dos filmes. No crebacabezas financieiro dos filmes españois que conseguen os mellores rendementos en billeteira non adoitan faltar as axudas do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA), as inversións das televisións, os incentivos fiscais e as formas xurídicas das Agrupacións de Interese Económico (AIE) como pezas chave.



O cine español aínda é moi dependente das políticas de subvencións públicas e do apoio das cadeas de televisións, non só para a súa supervivencia senón tamén para garantir o seu éxito na billeteira nacional debido á escasez de solvencia e a limitada capacidade de produción das produtoras nacionais. Segundo os informes do ICAA, tomando como exemplo o ano 2018, con resultados lixeiramente mellores que noutros exercicios, das 389 produtoras que produciron neste período, soamente 4 puideron afrontar un mínimo de 5 proxectos. Das 389, 340 só puideron abordar unha única longametraxe.


A crise económica e a fraxilidade das produtoras explican o fenómeno de concentración empresarial que nos últimos anos caracteriza á produción nacional, protagonizada especialmente polas televisións. Estas xogan un papel esencial como case a única estrutura sólida da industria española, erguéndose coma un muro fronte a un mercado moi atomizado.


Grazas á súa gran capacidade económica, grupos como Atresmedia ou Mediaset concentran as producións que finalmente obteñen os mellores rendementos, existindo así importantes barreiras para o resto de produtoras no mercado.


Os "taquillazos" concentran a meirante parte dos ingresos

Segundo os datos do ICAA, a produción de longametraxes nacionais ofrece unha cifra sostida na última década que ronda ás 233 producións por ano.

O Informe Focus 2020 sitúa á produción española como un dos paises máis prolíficos na creación de filmes dentro da contorna da Unión Europa, entrando no top 10 de estados con maior produción nacional. Non obstante, os resultados de explotación comercial destes filmes ofrecen un balance menos positivo, pois reflicten a forte desigualdade de beneficios existente entre as diversas cintas. Soamente as dez películas que encabezan a listaxe de asistencia ao cine concentran máis do 70% da recadación anual das salas españolas.

O ICAA, o bastión da subvención pública

O Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais é unha das patas que sostén o mercado da produción nacional. No ano 2018, financiou 80 proxectos de longametraxe; no 2019, 98; e no 2020, 79, un dato algo inferior debido ao parón que supuxo a crise sanitaria.


Ao longo destes últimos anos, as partidas de axudas da institución experimentaron un incremento, especialmente na categoría de axudas selectivas á produción de longametraxes, cuxo orzamento aumentou un 40,65% en 2020 con respecto ó ano anterior. As 76 longas subvencionadas repartíronse un total de 51.900.00 euros para afrontar as súas producións.


As cuantías do ICAA son sen dúbida esenciais para o desenvolvemento da produción nacional, aínda que son moitas as solicitudes de filmes que quedan fóra do programa de subvencións porque a dotación non é suficiente para chegar a máis títulos. Outro dos motivos polo que moitas solicitudes son desbotadas é que non alcanzan os puntos suficientes cos que o ICAA avalía e selecciona as solicitudes, un sistema que beneficia ós proxectos que contan con sólidos planes de negocio a miúdo respaldados polas televisións privadas. A pesar disto, incluso algúns proxectos cun puzzle perfectamente montado e coa garantía de Atresmedia ou Telecinco quedan fóra da listaxe de concesións.


Das 30 películas con máis éxito de 2018, 2019 e 2020, todas elas financiadas en parte por canles de televisión, só a métade percibiu ingresos procedentes do ICAA, que de media supuxeron o 29% do orzamento destas producións.





Presenza dominante das televisións


O ICAA non chega a todos os filmes de éxito, pero quen nunca falta son as televisións. Facendo un repaso dos datos de financiamento, as corporacións televisivas están involucradas en todas as producións de éxito que se exhiben en España. Nos dez filmes máis vistos en 2018, 2019 e 2020 Atresmedia participou no 50%, Telecinco no 23% e RTVE no 16%. Como casos particulares aparecen as autonómicas TVG , EiTB e TV3. Á presenza destas súmase tamén a dos operadores como Movistar +, presente na metade de títulos.

A participación dominante das canles de televisión nos títulos de éxito é efectivamente incontestable. As obrigas estatais de emisión e financiación de cine nacional non só son cumpridas senón que parecen ser vistas polas cadeas como unha oportunidade de liderar outro mercado, o cinematográfico.


Os produtores atopan moitas dificultades para elaborar o plan de negocio das películas, sendo moi dependentes dunhas subvencións públicas imprescindibles pero que, con todo, resultan insuficientes, polo que deben buscar nos inversores privados un medio de financiamento alternativo, o cal xustifica a marcada presencia das canles privadas de televisión e tamén da figura das Agrupacións de Interese Económico na listaxe de empresas involucradas na produción nacional. Para estes inversores, a agrupación resulta interesante grazas ós beneficios que conseguen a razón dos incentivos fiscais que se conceden ás produtoras, con porcentaxes cada vez máis elevados.


En definitiva, as cifras do cine español son un resultado directo da actuación política con respecto á financiación e a protección da cultura audiovisual tanto a nivel nacional como europeo. O incremento nos últimos tempos da promoción e protección da obra nacional mediante a aprobación de leis e directivas que obrigan a financiar e exhibir cine europeo produciron un incentivo de produción, aínda que o éxito polo momento só é acadado cando entran en xogo ese pequeno número de empresas de gran capacidade económica que complementan as aínda escasas subvencións estatais.


Fontes e bases de datos empregadas


Informe Focus 2020

Fichas IMdB das películas


Táboas de datos feitas a partir dos informes e usadas para as visualizacións








1 opmerking


angelvizoso
angelvizoso
31 jan. 2022

Pois só cabe dicir que o resultado é excelente. A estrutura do artigo é perfecta e o xeito no que se vai fiando a información comunicada a través do texto coa exposta a través dos materiais gráficos, tamén. Ademais, agradécese a liña cromática marcada, que lle outorga unidade a todos os materiais propostos e elimínase a posibilidade de ter a sensación de que cada un chega dun lado diferente.


Como punto para a mellora só sinalaría un, que se soluciona dándolle a un botón. No gráfico de xerarquía seguramente resultaría máis efectiva a presentación do segundo nivel (o das cadeas de televisión) tamén na visualización incial. Así a audiencia sabe que hai un nivel máis dentro desas burbullas e convidamos…


Like
bottom of page