top of page

A alimentación da poboación española

Consúmese menos froita e legumes das recomendadas


Unha cea rica en carbohidratos e graxas | Pablo Merchán (Unsplash)

Durante os últimos meses do 2021 a nutrición dos españois estivo á orde do día. Primeiro, pola decisión de prohibir a publicidade de alimentos non saudables en horario infantil, e máis tarde, polo elevado consumo de carne que reflexou o Informe del consumo alimentario en España 2020. Nel indícase que os españois consumen 49,86 quilos per capita ao ano, unha cifra que supón máis do dobre dos 21 quilos anuais que recomenda a Organización Mundial da Saúde (OMS).



A frecuencia de consumo

A Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN) elaborou unha serie de recomendacións para a poboación española en base á revisión e comparación das guías alimentarias de diferentes países. Así, na súa Revista del Comité Científico Nº 32 publicou esta serie de baremos en canto á frecuencia de consumo de cada grupo de alimentos.

Neste caso fálase de 2 a 4 racións de carne á semana, pero aclárase que non deben ser máis de dúas de carne vermella. Tendo en conta o peso de cada ración, trataríase dun máximo de 26 quilos anuais, que superan as indicacións da OMS, pero ao mesmo tempo seguen estando moi por debaixo do consumo actual en España.

Os alimentos que se deben inxerir con maior frecuencia segundo a AESAN son os cereais, preferiblemente integrais, que abarcan unha gran gama de produtos: pan, fariña, cereais, pasta, arroz... Trátanse dunha gran fonte de fibra, por iso se recomenda tomalos ata 6 veces ao día. Do mesmo xeito, as froitas e verduras resultan imprescindibles na inxestión diaria.


Os cereais son os alimentos que deben consumirse con maior frecuencia



Os compoñentes da dieta española

Pese a ser a carne o alimento do que máis se fala, non é o que se consume con máis frecuencia en España. Tendo en conta os últimos datos da Enquisa europea de saúde do 2020 publicados polo INE pode comprobarse se os españois seguen as indicacións marcadas pola AESAN. Os produtos lácteos (84 %) e os cereais (83 %) son os grupo de alimentos inxeridos máis a miúdo, polo que non contradín as recomendacións. Se ben é certo que neste caso distínguese entre pan e cereais de pasta, arroz e patacas.

As froitas e verduras teñen un papel moito máis secundario do que deberían, en especial as verduras, que pese a indicarse o consumo de ata 4 pezas diarias, só un 48 % dos españois as inxire diariamente. En canto á carne, o 68 % tómaa 3 ou máis veces por semana, o cal non se afasta tanto do rango de 2 a 4 que recomendaba a AESAN porque o problema do excesivo consumo atópase na cantidade, non só na frecuencia. O gran déficit da dieta española está nas legumes que deberían consumirse de 2 a 4 racións á semana coma os ovos e o peixe, pero a maioría dos españois (63 %) só o fai unha ou dúas veces.


O problema coa carne non está na frecuencia, senón na cantidade


A froita e verdura como sinónimo de lonxevidade

Homes de idade avanzada xogando ao xadrez | Vlad Sargu (Unsplash)

De entre todos os grupos alimenticios, a AESAN indica que os produtos procedentes da terra teñen especial relevancia á hora de contribuír á saúde da poboación. Resultan ademais unha opción barata e sostible. É por iso que en Europa, nos países nos que a maioría da poboación consume de 1 a 4 pezas de froita e verdura a esperanza de vida é superior aos 81 anos. As únicas excepcións son Polonia, Hungría e Croacia, que presentan un consumo alto pero non acadan esta lonxevidade. Isto pode deberse a múltiples factores que tamén inflúen nas probabilidades de falecer, como as condicións de vida, a asistencia sanitaria ou a actividade física.

España, con 84 anos, sitúase á cabeza como o país con maior esperanza de vida de Europa segundo os datos de Eurostat. Ao mesmo tempo, está entre os países con maior consumo diario de froita e verduras cun 63% dos españois que o cumpren, só superado por Italia (65,4 %), Eslovenia (65,7 %) e Bélxica (72,1 %). Son salientables os casos de Países Baixos, Dinamarca e Irlanda, onde o consumo é baixo pero a esperanza de vida é alta. Nestes casos, cómpre ter en conta que son países nos que a actividade física diaria é habitual de cara a desprazarse, como o uso da bicicleta.


Infografía en maior calidade:



1 comentario


angelvizoso
angelvizoso
31 ene 2022

Pois o resultado final é excelente. A estrutura do artigo é moi boa, pois todas as partes contribúen a sumar ao fío da información.


Os materiais de visualización están moi ben traballados, tanto no terreo dos datos como no da programación. Só sinalaría dous puntos como escenarios para a mellora. Por unha banda estaría a resolución da imaxe da infografía. Non sei dende que ferramenta chega exportada, pero habería que tentar gardala e subila cunha resolución un chisco maior. Hai zonas nas que se xera bastante efecto de pixelado, algo que temos que evitar sempre que nos resulte posible. Cando traballamos con imaxes ou materiais externos igual non é posible, pero cando somos nós os que os elaboramos temos que…


Me gusta
bottom of page